A Industriosa acolle o 23 un obradoiro de firmware para competir na OSHWDem

venres, 15 de marzo do 2024 S. P.

O equipo de robots Segueliñas do centro vigués de tecnoloxías abertas A Industriosa está a organizar uns obradoiros nos que se traballará no desenvolvemento dun firmware para competición na categoría de velocistas da feira coruñesa OSHWDem totalmente escrito na linguaxe Rust. O próximo sábado 23 de marzo celebrarase a segunda sesión dos talleres de Segueliñas Rust.
Desta volta, o obxectivo da actividade será preparar todo o entorno de programación instalando todo o software necesario para o desenvolvemento do firmware en linguaxe Rust. Explicarase tamén o proceso de escribir un novo firmware na memoria do microcontrolador utilizando o programador STLink así como o xeito de cablear todos os elementos necesarios. Por último falarase do traballo que se está a facer na parte da BSC (Board Support Crate), unha libraría que permite simplificar o desenvolvemento do firmware ao proporcionar ferramentas para a configuración dos distintos periféricos utilizados nos robots. Para iso darase unha breve introdución ós exemplos que xa están implementados para o uso de botóns, LEDS e porto serie.
A organización sinala que para este segundo taller é necesario que os asistentes dispoñan dun ordenador portátil con sistema operativo Linux no que poder instalar as ferramentas e comezar a programar en Rust. As placas, programadores e demais hardware necesario para os talleres serán proporcionados por A Industriosa.
Tanto o deseño da placa que se empregará como un proxecto básico do firmware pódense atopar no Github de A Industriosa. A participación e gratuíta mediante rexistro no Meetup da Industriosa.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

PUBLICIDADE