After Effects permite borrar automaticamente elementos de gravacións de vídeo

mércores, 3 de abril do 2019 Marcus Fernández

Unha das ferramentas máis prácticas no retoque fotográfico no Adobe Photoshop é, sen dúbida, a corrección con detección de contido, que é capaz de eliminar elementos dunha imaxe imitando o que está no seu contorno, e agora anuncian que están a levar tal tecnoloxía ao vídeo, de xeito que poderemos facer desaparecer obxectos non desexados dos nosos vídeos sen ter que editalos fotograma a fotograma, aforrando moito tempo de traballo.
A corrección con detección de contido chega a Adobe After Effects dun xeito impresionante, xa que o sistema é quen de facer un seguimento automático de obxectos en escenas en movemento e substituír os píxeles perdidos tras o borrado dos elementos que non queremos. Esta ferramenta resulta así moi práctica para borrar a unha persoa que se coou momentaneamente nunha toma, para eliminar cables e micrófonos empregados durante unha gravación que non se quere que se vexan no produto final, e mesmo para facer desaparecer unha mancha no obxectivo da cámara.
Pero esta non é a única novidade que está a ultimar Adobe para o seu software de vídeo e audio, senón que tamén estrea unha vista libre para organizar o storyboard en Premiere Pro, aplicación que tamén incorpora regras para colocar de xeito máis preciso os grafismos; incorpora punch and roll para as gravacións sonoras en Audition (función moi práctica para pequenas correccións en narracións); e Audition e Premiere Pro tamén facilitan agora a redución de sons de fondo durante diálogos, entre outras moitas novidades e melloras que reciben os produtos de Adobe durante esta primavera.

O borrado de obxectos en vídeo é a novidade máis impresionante das presentadas por Adobe para esta primavera

PUBLICIDADE