As prazas públicas de Pontevedra estrean rede Wi-Fi municipal

xoves, 3 de marzo do 2011 Redacción

Xosé Antonio García Lores e Teresa Casal presentaron onte o servizo PonteWifi

A alcaldesa en funcións de Pontevedra, Teresa Casal, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Antonio García Lores, estrearon o pasado mércores o servizo de acceso de balde á Internet sen fíos na praza da Verdura, que curiosamente responden ao nome de PonteWifi (coma o servizo existente en Ponteceso).
PonteWifi bota a andar na Alameda e nas prazas de España, Ferrería e da Verdura. O servizo nace en período de probas e con vocación de ir ampliando a área de cobertura se, no futuro, se comproba que existe demanda.
As obras, incluídas dentro dunha actuación global de modernización da rede de comunicacións do Concello, foron realizadas cun orzamento específico duns 30.000 euros. Para gozar do servizo municipal basta con facilitar un número de teléfono a través da propio portal de entrada, o que xerará o envío dun SMS coa clave de acceso.
Teresa Casal destacou que o servizo nace despois dun traballo previo de constitución en operador de Internet e petición de autorización á Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) e da aprobación polo Pleno dunha memoria xustificativa da conveniencia de explotación de redes e prestación de servizos de comunicacións electrónicas. PonteWifi estará operativo as 24 horas do día e ofrecerá un servizo que terá como únicas restricións ás reguladas pola CMT para as redes gratuítas ofrecidas polas administracións públicas. Polo tanto, non será posible navegar a unha velocidade superior aos 256 Kbps e tampouco será posible compartir arquivos dentro de redes P2P, nin ter acceso a servizos de VoIP. Ademais, estabelecerase un filtro preventivo para contidos inadecuados para menores ou perigosos. O acceso para os usuarios dados de alta terá unha duración máxima de dúas horas diarias.
O servizo dará acceso aos distintos portais web do Concello de Pontevedra con especial á información turística.

PUBLICIDADE