Geeksphone prepara unha pulseira de actividade que medirá o rendemento sexual
xoves, 19 de febreiro do 2015
A
compañía Geeksphone non só destaca por crear o primeiro móbil
español con Android, atreverse a comercializar un
smartphone con Firefox OS e ser unha das empresas detrás de Blackphone (terminal
con Android orientado ás comunicacións seguras), senón que agora tamén se
atreve cos wearables dun xeito que
está a resultar bastante rechamante, xa que a súa pulseira de actividade Geeksme entre outras
funcionalidades ten a de medir o rendemento sexual de xeito opcional e privado,
así como para que os máis respectuosos co medio ambiente poidan medir a súa pegada ecolóxica.
O director do proxecto Geeksme, Ángel Sánchez Días, asegurou que a funcionalidade de medición
do rendemento sexual “non está baseada no ritmo cardíaco. Será un modo
especial (semellante ao modo de sono) que unha vez activado medirá cousas como
o número de veces á semana, a duración, as calorías queimadas e outra moita
información útil baseada en diferentes algoritmos que estamos a desenvolver.
Axudará aos usuarios a ter un modo de vida máis saudable, monitorizando
diferentes valores e estatísticas cando se practique o sexo”.
Este accesorio será unha pulseira de actividade como moitas outras, que
monitoriza pasos, distancia, calorías queimadas, chanzos subidos e minutos
activos (datos que poden rexistrarse para a súa consulta dende aplicacións
móbiles e de escritorio), e tamén pode empregarse para monitorizar o sono, pero
tamén conta con funcións máis prácticas como contar con notificacións do móbil
(para identificar as chamadas e mensaxes entrantes) e contará con funcións de
alarma e recordatorios. Ten formato de reloxo de pulso, cun marco de aluminio e
unha pantalla táctil que combina tecnoloxía OLED e 12 LED e espérase a súa
chegada ao mercado antes das vacacións do verán.