Grazas a AirPlay 2 o HomePod por fin é un produto completo

martes, 29 de maio do 2018 Marcus Fernández

En xuño de 2017 Apple presentou o seu altofalante conectado HomePod, detallando que trataríase dun produto moi ligado a Apple Music e que ofrecería reprodución musical de calidade en vez de centrarse no uso do asistente de voz (Siri) en contraste do que fan Google e Amazon cos seus altofalantes. Pero este lanzamento non contou con boa sorte, e nin cumpriu coa data de lanzamento (púxose á venda a finais de xaneiro de 2018 en vez de a finais de 2017) e chegou ao mercado como un produto incompleto, carecendo dalgunhas das súas funcionalidades máis importantes.
Os posuidores do HomePod estarán contentos de saber que hoxe iníciase a distribución da actualización de software (iOS 11.4) que inclúe AirPlay 2, ou sexa, que finalmente dúas das prestacións máis esperadas: poder emparellar dous altofalantes nunha mesma instancia para poder ofrecer son estéreo e poder gozar da mesma música nas distintas habitacións do fogar nas que teñamos altofalantes HomePod. Para os interesados nesta última función os altofalantes de Apple teñen un atractivo bastante limitado, xa que por pouco máis do prezo dun único HomePod é posible adquirir unha parella de altofalantes Sonos One (con control por voz baseado en Alexa), deixando a oferta da compañía da mazá nunha posición moi pouco competitiva.
Apple tamén anunciou que este produto que até o momento só está dispoñible en EE.UU., Reino Unido e Australia pasará a venderse tamén en Canadá, Francia e Alemaña a partires do 18 de xuño.

PUBLICIDADE