Lara Croft and the Guardian of Light terá versión para navegador web

xoves, 28 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Durante a conferencia de hoxe no Google I/O, Phil Rogers, presidente e director xeral de Square Enix para Europa fixo un anuncio sorprendente para moitos, que é que están a traballar unha versión do xogo Lara Croft and the Guardian of Light para Google Chrome, demostrando que no navegador é posible correr un xogo da calidade dunha consola de videoxogos doméstica, pois non esquezamos que este título estreouse inicialmente en Xbox 360, para pasar logo a PS3 e PC e adaptándose tamén para dispositivos con iOS.
Este título sorprendeu non só por ser o primeiro da franquía en non levar por título a marca Tomb Raider, senón tamén por comercializarse en formato descargable e adoptar unha mecánica de xogo totalmente diferente ao resto dos xogos de Lara Croft, centrándose na cooperación para a resolución de quebracabezas e na exploración coa axuda o guerreiro maia Xolotl. A versión para Google Chrome chegará antes de rematar o ano, e o usuario non terá que descargar o xogo completo para gozar do mesmo, xa que correrá directamente no navegador, o que xa conseguira con éxito Square Enix no mes de marzo levando a Chrome o xogo Mini Ninjas.

Lara Croft and the Guardian of Light é totalmente diferente ao resto de xogos da franquía Tomb Raider

PUBLICIDADE