Lowi ofrecerá 5G a partir do 16 de agosto

luns, 7 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Os operadores de baixo custo están a recibir paulatinamente as tecnoloxías móbiles máis avanzadas, para quedar á altura dos seus irmáns maiores, e como mostra dixo temos que esta mañá Lowi, o operador de baixo custo de Vodafone, anunciou que a partir do 16 de agosto os seus clientes poderán gozar da conectividade 5G sen incremento de prezo nas súas tarifas e sen ter que facer nada para activar a nova mellora das súas conexións.
Deste xeito Lowi permitirá que os seus clientes poderán gozar da 5G en máis de 2.000 concellos españois, ou sexa, nos territorios onde actualmente hai cobertura 5G de Vodafone, o que polo momento supón unhas melloras moi limitadas, pero que senta as bases para un tipo de comunicación que de cara ao futuro achegará velocidades de descarga superiores e, moi especialmente, unha redución da latencia que facilitará comunicacións máis áxiles, favorecendo o uso da 5G como se dunha conexións á Internet fixa se tratase.
Lowi tamén está a traballar na incorporación de VoLTE á súa rede móbil (que previsiblemente chegaría en setembro), o que permitirá chamadas de maior calidade alí onde haxa como mínimo cobertura 4G, e non pecha a porta a poder ofrecer máis adiante tamén as moi desexadas Chamadas Wi-Fi (que demandan usuarios en zonas con mala cobertura móbil, que poderían superar tal atranco aproveitando a súa conectividade de datos fixa).

PUBLICIDADE