NBC News denuncia a pasividade de X/Twitter ante os discursos nazis

martes, 16 de abril do 2024 Marcus Fernández

Dende que Elon Musk adquiriu Twitter non faltaron organizacións que denunciaron a proliferación dos discursos de odio na plataforma social, atopándose incluso con demandas xudiciais por parte de X/Twitter para tentar calar estas voces que provocaban a fuxida de anunciantes que non queren que as súas marcas se asocien a contidos tóxicos, e agora é NBC News quen se enfronta a X denunciando que se está a converter no paraíso para os nazis.
Como mostra, NBC News localizou 150 contas de pagamento de X con contidos pro-nazi, que en moitos casos violaban claramente as normas da plataforma ao publicar contidos favorables ao nazismo, discursos antisemitas e incluso negaban o holocausto. Desta mostra puideron localizar incluso unha publicación negando o holocausto que conseguiu 1,9 millóns de visualizacións e que foi compartida por máis de 5.300 usuarios, deixando clara a falla de control que hai en X sobre este tipo de contidos.
O grave da situación é que ao estarmos a falar de contas de pagamento, os discursos de odio vense amplificados pola plataforma, conseguindo prioridade para a súa difusión, e en preto da metade dos casos atoparon publicidade xunto ás publicacións realizadas por estas contas, polo que os usuarios que están a promover o nazismo en X/Twitter incluso conseguen un retorno económico polas súas publicacións.
Estamos ante unhas conclusións que chocan de fronte coas declaracións de Linda Yaccarino, quen non cesa de repetir que teñen medidas se seguridade que impiden que se amose publicidade xunto a discursos de odio.
NBC News tamén destacan que as limitacións que impuxo Musk ao acceso á API da plataforma fai imposible medir o alcance real que está a ter o extremismo en X/Twitter, pero non hai dúbidas de que a situación é peor ca nunca, o que nos EE.UU. é especialmente preocupante xa que os delitos de odio non paran de medrar.

PUBLICIDADE