O Ai Pin xa é unha realidade (decepcionante)

xoves, 11 de abril do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos meses había unha grande expectación polo Ai Pin de Humane, un produto presentado como unha alternativa ao smartphone, que chega ao mercado a un prezo de 699 dólares ao que hai que engadir unha tarifa mensual de 24 dólares para poder gozar de conectividade móbil.
Os early adopters que encargaron este prometedor produto coa esperanza de que a súa distribución botaría a andar en marzo por fin están a ver como o Ai Pin chega ás súas mans, e as reaccións ante o produto que quería facilitar un uso máis natural da intelixencia artificial e librar aos usuarios da suposta tiranía das pantallas está a ser unha grandísima decepción, que incluso podería chegar a considerarse engano se atendemos a que o material promocional agochaba elementos como os desesperantes tempos de resposta que ofrece esta tecnoloxía que claramente aínda non está dispoñible para o mercado de consumo.
O Ai Pin é un pequeno trebello que pode prenderse na roupa para que poidamos premer na súa superficie táctil para poder darlle ordes faladas que responderá valéndose da IA e accedendo a distintos servizos. Basicamente sería como un asistente persoal, pero non só permitiría entradas mediante a voz, senón que tamén integra unha cámara, polo que pode disparar fotografías, gravar vídeos e incluso responder a preguntas sobre o que se ten diante, o que pode resultar moi práctico se os resultados fosen fiables.
Aparte de responder mediante voz, o Ai Pin tamén integra un proxector láser para amosar imaxes na palma da nosa man, facendo uso dunha interface moi pouco cómoda e resultando moi difícil de ver os contidos en numerosas situacións, deixando claro que estamos ante unha solución que dificilmente podería substituír a un smartphone coa súa pantalla.
Pero o grande problema do estado actual do produto é que, aparte de ter o software aínda a medio desenvolver (algo que non resulta razoable, xa que se vende como un produto comercial, e non como un prototipo a través dunha campaña de micromecenado), os tempos de resposta son moi longos, en numerosas ocasións o sistema non responde e tamén erra bastante nos seus resultados. E iso sen mencionar os seus problemas de quecemento ou a súa reducida autonomía.
Temos así unha tecnoloxía que avanza nunha boa dirección, perseguindo a innovación, pero sen ofrecer o que promete. Podería dicirse que o Ai Pin non vale o que custa, e incluso hai quen pensa que busca converterse na solución a un problema que non existe.
O que parece quedar claro con este lanzamento é que queda aprendida a lección de que os produtos de electrónica de consumo alimentados con IA teñen que demostrar as súas posibilidades na práctica e non resulta prudente a súa adquisición partindo das promesas dos seus creadores.

A análise en vídeo do Ai Pin de Humane publicada por The Verge deixa claro que estamos ante un produto desastroso que non debería ter chegado ao mercado

PUBLICIDADE