O Concello de Vigo disporá de 5 millóns para o seu proxecto de edificios intelixentes

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

O alcalde Abel Caballero confirmou que Vigo dispón de 5 millóns de euros para o seu proxecto de edificios conectados, eficientes, sustentábeis e con capacidade para xestionar información. Conseguinos grazas a ter gañado (xunto con outras sete cidades estatais) a convocatoria do Ministerio de Economía coa proposta Vigo Edificios Intelixentes, que “ofrecerá unha gran cantidade de información en tempo real para ter unha mellor calidade de vida na cidade”. Dos 5 millóns, o Goberno de España achega case 4 millóns e o Concello 1,1.
Caballero engadiu que dende o Consistorio realizouse unha escolma de 172 edificios públicos e privados da cidade (78 no centro e 94 nas parroquias) para instalar o denominado Nodo IoT, que permite trasladar información en tempo real sobre calidade de auga, estacións meteorolóxicas, medidores de gases ou cámaras para contar persoas e coches e supervisar a aglomeración, o consumo de enerxía eléctrica e térmica, control de ruído ou a calidade da luz.
Tal e como expuxo o alcalde, o equipo de traballo estará conformado por 17 persoas e hai varios espazos que conforman o proxecto: Aeroporto de Peinador, Estación de Ferrocarril e de Autobús e Porto, así como outros edificios de titularidade municipal: edificios administrativos do Concello, o Parque de Servizos do Concello, o Auditorio Mar de Vigo, museos, bibliotecas, Estadio de Balaídos, Escola de Artes e Oficios, Albergue Municipal, os mercados municipais, os centros cívicos, os aparcamentos ou VigoZoo, entre outros inmóbeis. Tamén se inclúen edificios de sectores privados, vivendas, centros comerciais, hoteis e máis o Parque Tecnolóxico Zona Franca.

PUBLICIDADE