O Goberno di que 1.638 poboacións rurais galegas xa teñen acceso a banda ampla dende o inicio do seu Programa de Extensión
mércores, 24 de xaneiro do 2007
O Goberno español vén de facer reconto en Santiago de todo o acadado en materia de asegurar nas poboacións rurais un dereito fundamental dos cidadáns: o de ter as ferramentas precisas (ben engraxadas e eficaces) para acceder á Sociedade da Información. Como era de agardar, a mensaxe ten un aquel de visión positiva das cousas, polo que aconsellamos que a información se vexa a certa distancia ou de esguello: a banda ampla, di o Ministerio de Industria, xa chega a máis de 5.200 poboacións rurais en España, das que 1.638 pertencen a Galiza. Asemade, teñen acceso a ela 5,4 millóns de cidadáns de todo o estado español grazas ó Programa de Extensión do dito departamento.
As cifras, que se refiren á aplicación do plano dende o seu arrinque até o pasado 19 de xaneiro, complétanse coa seguinte porcentaxe: máis do 37% das pobación onde se habilitou banda ampla acceden por vez primeira ós servizos de Internet de alta velocidade, “mentres que para o resto estamos a falar de ampliacións de cobertura”. Cómpre sinalar que o pograma do Ministerio de Industria está a beneficiar ás seguintes Comunidades: Galiza, Andalucía, Asturias, Aragón, Baleares, Canarias, Cantabria, Comunidade Valenciá, Castela-A Mancha, Castela e León e Murcia. Neste intre, o plan do Ministerio xa cubriu (sinala o Goberno) o 36,33% dos seus obxectivos (en termos territoriais). Precisamente, estes datos foron presentados durante o transcurso da xuntanza do Comité de Seguimento do Programa celebrado este mércores 24 en Compostela. O Ministerio aproveitou a ocasión (a circunstancia xeográfica) para achegar datos sobre a nosa terra: “En Galicia, o número de pobacións ás que xa chegou a banda ancha dende os comezos do programa até o 19 de xaneiro ascende a 1.638, o que supón que xa se cubriu o 34,84% do total. Deste xeito, xa contan con banda ampla 1.014.697 cidadáns galegos, o 83,48% dos beneficiados polo programa”.