O programa EMEGA xa beneficiou a máis de 2.300 mulleres emprendedoras

xoves, 27 de xullo do 2023 S. P.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, fixo balance este xoves 27 de xullo do acadado polo programa EMEGA da Xunta para o fomento do emprego feminino, programa que ao longo dos seus 27 anos de andaina xa beneficiou a máis de 2.300 mulleres emprendedoras.
Neste 2023, Vázquez destacou que estas achegas contan cun orzamento superior aos 4,8 M€ (case un 10% máis có ano pasado), cos que se prevé outorgar unhas 370 axudas. Así o dixo durante a visita que realizou a unha mercería de Fene que recibiu 10.000 euros no marco deste programa.
Na visita, Vázquez recordou que as axudas permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego apoiando a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial.
En concreto, as axudas (que se poden solicitar ata o próximo 7 de agosto) constan de catro liñas, que son as seguintes: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estábel por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
No caso específico da mercería Costuras, a secretaria xeral apuntou que a axuda de 10.000 euros recibida no marco da liña Emprende do programa EMEGA permitiu manter aberto o negocio que iniciara noutrora outra muller.
Beneficiarias do programa EMEGA
Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viábel económica, técnica e financeiramente.
Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.

PUBLICIDADE