Retiran do mercado o dron Karma de GoPro por problemas de seguridade

mércores, 9 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Os últimos tempos non están a resultar propicios para GoPro, compañía que está a experimentar unha caída moi forte nas súas vendas (tanto polo incremento da competencia como pola reducida taxa de renovación dos seus produtos), o que levounos a explorar outros ámbitos, de aí que tentase entrar no mercado dos drons, viaxe que resultou bastante accidentada, de xeito que o dron Karma, que tiña que saír no primeiro trimestre do ano, adiou o seu lanzamento até hai un par de semanas. Pero os problemas non remataron aí, e agora GoPro está a retirar o produto do mercado, pedindo aos seus compradores que o devolvan, xa que detectaron varios casos nos que o dron Karma perdeu a enerxía precipitándose no seu voo, coa fortuna de que polo momento non houbo danos de consideración para persoas ou propiedades.
Estamos ante un posible fallo de fabricación que podería ser moi perigoso, de aí que as preto de 2.500 unidades do dron vendidas terán que retirarse ante o risco que supoñen. Aseguran que volverán a pór á venda o produto en canto descubran o que provocou os problemas detectados, aínda que polo momento optan por devolver os cartos aos compradores, tanto do dron como dos accesorios que mercasen con el (no caso de adquirilo nun lote cunha HERO5 Black ou un Karma Grip).
Este incidente está a compararse por moitos co do Galaxy Note7 de Samsung, pero por fortuna para GoPro o seu produto levaba pouco á venda e, ao estarmos ante un produto para un público bastante reducido (principalmente polo seu elevado prezo para un produto destinado principalmente para o lecer), o impacto real das devolucións non será moi grande, á vez que resulta improbable que haxa consumidores que conserven un produto deste tipo considerado perigoso, polo que dificilmente veremos unha sucesión de accidentes con drons nas vindeiras semanas que poidan prexudicar á imaxe de GoPro, que comeza con mal pé nun sector no que xa hai fabricantes con moita experiencia que non padeceron nunca problemas a este nivel (polo que é probable que o Karma de GoPro vaia ter problemas confianza por parte do público cando volva ao mercado, levando a moitos usuarios a optar polo máis atractivo DJI Mavic Pro).

PUBLICIDADE