Samsung pon as súas cartas sobre a mesa, con Android e Windows 8 como principais bazas

xoves, 20 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Esta tarde celebrouse no Earls Court Exhibition Center de Londres o Samsung PREMIERE 2013, un evento que puido seguirse en directo dende todo o mundo para poder contemplar a nova xeración de produtos de Samsung dentro das súas gamas de Android (GALAXY) e Windows (ATIV). O evento botou a andar detallando directamente os produtos que se ían amosar, e aínda que os primeiros xa eran coñecidos (os smartphones Samsung GALAXY S4 active, mini e zoom) e outros xa se tiñan filtrado nas últimas semanas (a cámara dixital GALAXY NX), polo que as principais novidades estaban no mundo dos tablets (sorprendendo as boas prestacións do Samsung ATIV Q e a comodidade do ATIV Tab 3) e dos ordenadores, dando a impresión de que Samsung deixou completamente de lado a Windows Phone 8 e Windows RT (centrando os seus esforzos en Windows 8).
Entre os produtos con Windows 8 resultou satisfactorio comprobar que Samsung soubo reaccionar ao novo MacBook Air de Apple, e amosou un impresionante ATIV Book 9 Plus, un novo equipo ultradelgado (13,6 milímetros de grosor) e lixeiro (1,39 quilogramos de peso) que funciona con procesadores Core i5/i7, ata 8 Gb de RAM, ata 256 Gb de SSD, Windows 8 e unha impresionante pantalla táctil de 13,3 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.800 píxeles que, ao ter unha autonomía de ata 12 horas, consegue situarse por diante do portátil de Apple, converténdose posiblemente no equipo ao que aspirarán o resto de portátil do mercado durante o presente ano.
Como acontece cos tablets da familia ATIV, no caso dos portátiles Samsung tamén ofrece unha alternativa máis económica, e o ATIV Book 9 Lite busca manter a mesma liña elegante do seu irmán maior, pero cunhas prestacións inferiores. Funcionará cun procesador de catro núcleos, 4 Gb de RAM, ata 256 Gb de SSD, gráfica con memoria compartida, pantalla táctil de 13,3 polgadas cunha resolución discreta (1.366 x 768 píxeles), Windows 8 e unha autonomía de ata 8,5 horas.
Samsung tamén pensou nos escritorios informáticos, polo que presentou o ATIV One 5 Style, un ordenador todo-en-un con pantalla táctil Full HD de 21,5 polgadas, procesador AMD A6 de 4 núcleos, 4 Gb de RAM, gráfica con memoria compartida, ata 1 Tb de disco duro, entrada e saída HDMI, e un elegante acabado en cor branca, que fai uso da tecnoloxía Samsung SideSync para facilitar compartir contidos entre o ordenador e o smartphone. Tamén conta con HomeSync Lite, que converte o disco duro do ordenador nun servidor na nube e que facilita a realización de copia de seguridade dos dispositivos móbiles. Estamos ante o primeiro todo-en-un da familia ATIV, conxunto de dispositivos de Samsung que, aínda que teñan a Windows 8 como base, teñen o mundo móbil no seu punto de mira.


O evento Samsung PREMIERE 2013 en vídeo

PUBLICIDADE