Un estudo asegura que o terzo das demandas de divorcio inclúe xa o termo Facebook

mércores, 23 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Sen vontade de mandarlle un agoiro especialmente negativo a Mark Zuckerberg como agasallo de vodas, logo da formalización recente do seu matrimonio con Priscilla Chan, o certo é que a palabra que designa a súa empresa, Facebook, amais de ir ligada xa a un bo número de técnicas e recursos varios para establecermos contacto entre persoas, vai cada día máis interrelacionada co contrario: coas despedidas definitivas. Segundo se di dende SmartMoney e reflicten webs como enter.co ou esferabit, un terzo das demandas de divorcio que se rexistran arestora conteñen a palabra Facebook.
As razóns disto, todo hai que dicilo, poden ser múltiples e variadas. Ou sexa, que non sempre aparece como termo cargado de negatividade (por exemplo: “denegación dos deberes matrimoniais por estar todo o día pendente do Facebook” ou a menos elegante aínda “coñecemento de diversas infidelidades a través do Facebook”). Ás veces é de supor que a rede social tamén servira para unir o que logo desune.
Con todo, na investigación (que foi levada a cabo polo bufete de avogados Divorce-Online) asegúrase que as tres principais razóns para este tipo de afastamento dos casados e a súa posterior oficialización son as seguintes: mensaxes pouco axeitadas a membros do outro sexo, mensaxes antipáticas á parella separada (pendente de divorcio, co que Facebook actuaría, sen sabelo, de estocada definitiva) ou amigos comúns (que tanto falan) rexistrando comportamentos pouco axeitados de algún dos dous.

PUBLICIDADE