Os móbiles con Symbian S60 xa poden empregar Google Maps de xeito nativo

mércores, 17 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O servizo de mapas de Google ten xa unha aplicación nativa para os móbiles con Symbian S60, o que supón unha importante mellora tanto en rendemento (xa que se fuxe do Java para o seu uso) como en integración, destacando o feito de que pode aproveitar os módulos GPS de móbiles coma o Nokia 6110 Navigator ou o Nokia N95 (sendo tamén compatible con receptores GPS por Bluetooth). Esta aplicación non se limita ós rueiros e ó trazado de rutas, senón que tamén permite achegar información sobre o tráfico alí onde estea dispoñible.
Grazas a esta aplicación de balde, os usuarios de móbiles co sistema operativo Symbian OS 9 (ou sexa os S60) poden prescindir das aplicacións típicas de navegación GPS e empregar Google Maps, o que pode resultar de moita utilidade para non perderse en ningures, aínda que o servizo non é totalmente gratuíto, xa que haberá que pagar o tráfico de datos que realice o noso dispositivo para consultar os mapas.

PUBLICIDADE