A sede de Caixa Galicia na Coruña acolle hoxe unha xornada gratuíta sobre nanotecnoloxía

xoves, 25 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A ciencia e a tecnoloxía, como tantas outras cousas na vida, sorprende menos canto máis elementos de tamaño e feitura convencionais se poñan en xogo. Porén, a situación muda cando as proporcións exceden a liña do concebible nun principio, tanto por arriba como por embaixo. Nese punto, e no que ten de busca de coñecemento e modelos a seguir na propia organización da vida que nos rodea é onde radica a gran fascinación que exerce sobre nós a nanotecnoloxía, que a ciencia do pequeno, ou, mellor dito: do miúdo.
Co obxectivo de afondar nesta disciplina e nas súas amplas posibilidades de futuro, a sede da Fundación Caixa Galicia na rúa Cantón Grande da Coruña acolle este serán ás 19.00 horas unha xornada divulgativa chamada Nanotecnoloxía: unha revolución de aquí e agora.
O encontro, organizado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e máis a dita entidade financeira, vai dirixido a achegar unha “oportunidade única para coñecer as oportunidades e aplicacións desta revolución tecnolóxica que se achega”, segundo informa o ITG. O seminario, que é gratuíto mais co requisito da inscrición previa, contará coa presenza de investigadores como José Rivas Rey, director do Departamento de Física Aplicada da USC.
Na imaxe, restauración de obras de arte a través da nanotecnoloxía.

PUBLICIDADE