Coruña Bloggers celebrará 4 edicións en 2024

mércores, 3 de abril do 2024 Redacción

Os encontros de Coruña Bloggers recuperan a súa actividade cunha reformulación do seu calendario, atendendo á demanda os seus asistentes habituais, de xeito que este ano contará con 4 edicións que terán lugar o 25 de abril, o 30 de maio, o 26 de setembro e o 31 de outubro na sede da Fundación ONCE no número 3 da rúa Cantón Grande.
A vindeira cita será o último xoves do mes ás 19:30, e como vén ser habitual, o acceso é de balde, aínda que prégase que os asistentes achegue como mínimo un quilo de alimentos para a Cociña Económica da Coruña, para a que se recolleron un total de 2.892 quilos de alimentos nas 30 edicións anteriores de Coruña Bloggers.
A primeira relatora do 31º Coruña Bloggers será Lucía Corredoira, event manager de Raiona Network, quen falará sobre Como lanzar un evento de máis de 500 persoas, ou sexa, que dará conta de como organizou o encontro Raiola Marketing Conference no PALEXCO, cita que pretenden repetir o vindeiro mes de setembro cunha afluencia semellante de público.
Corredoira conversará sobre a estratexia que segue para conseguir tal volume de asistentes, especialmente no ámbito dixital, incidindo na necesidade de contar cunha boa estratexia e unha longa dedicación.
Continuará a sesión Marcus Fernández, webmaster de Código Cero, quen abordará os temas que parecen estar a centrar a actualidade tecnolóxica e marcan a pauta informativa do sector dun xeito máis ou menos xustificado, tendendo a un abuso de etiquetas como a intelixencia artificial ou a realidade estendida nun relatorio titulado IA, metaversos e outras lerias.
Tras estes relatorios celebrarase unha sección de 3x3, na que 3 persoas contarán con 3 minutos cada unha para explicar o seu proxecto, o seu servizo, o seu último libro, o seu blog, a súa conta de TikTok...
E, finalmente, tras a celebración do encontro formal, a acción trasladarase á cervexaría El Real para pechar a xornada cunha sesión de networking entre os asistentes.
Quen desexe acudir a esta nova edición do evento, pode retirar o convite vía web.

PUBLICIDADE