MD Boutique amosará o futuro da moda e a tecnoloxía na Coruña

martes, 2 de abril do 2024 Marcus Fernández

Mentres agardamos á chegada da XXII edición de Mundos Digitales a primeiros de xullo, a organización do evento non quere que desesperemos e organiza un novo evento para amosar novas experiencias combinando moda e innovación tecnolóxica: Mundos Digitales Boutique.
MD Boutique destacará as últimas innovacións en tecnoloxía gráfica aplicada á moda, permitirá descubrir dende o vídeo volumétrico 4D ao poder da intelixencia artificial aplicada ao deseño, pasando por experiencias inmersivas de realidade virtual e aumentada. Este evento transforma a presentación de produtos nunha experiencia nova e atractiva, utilizando a tecnoloxía dispoñible para reinventar como se amosan as marcas ao mundo.
Esta iniciativa desenvolverase en sesións de aproximadamente unha hora de duración repartidas entre os días 18 e 19 de abril, contando coa presenza de destacados profesionais do sector que están detrás dalgúns dos avances máis significativos da industria a nivel internacional.

PUBLICIDADE