O CGAC, o CESGA e o IGFAE afondan na ligazón entre arte e ciencia
venres, 12 de abril do 2024
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas, e neste marco o vindeiro domingo, aproveitando a celebración do Día Mundial da Cuántica, presentarán no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades. A xornada desenvolverase ás 11:00 no CGAC e ten entrada de balde até completar a capacidade.
Concibida polo artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega (coa participacion de Jorge Varela, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Diego Vites) e Violeta, Salto cuántico é unha escultura interactiva que consta de tres módulos móbiles e intercambiables. A obra, que permanecerá exposta no CGAC até febreiro de 2025, adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos corenta, tótems contemporáneos sobre rodas que permiten unha actualización constante, e funciona como unha escultura aberta no espazo cuántico.
Participan na presentación o director do CGAC, Santiago Olmo; o do CESGA, Lois Orosa Nogueira, o do IGFAE, Carlos Salgado e Javier Mas, coordinador TalentQ de Quantum Spain.
Computación cuántica: que é?
A xornada complétase co relatorio Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?, a cargo de Eduardo Sáenz de Cabezón, presentador do programa Órbita Laika de La 2, ademais de conducir varios podcast e unha canle de YouTube de divulgación científica. Nado en Logroño en 1972, é licenciado en Teoloxía e doutor en Matemáticas e profesor titular do Departamento de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa.
Coñecido pola súa faceta de divulgador científico, é autor dos libros Inteligencia matemática (Plataforma Editorial, 2016), El árbol de Emmy (Plataforma Editorial, 2019), Apocalipsis matemático (Penguin Random House, 2020) e Invitación al aprendizaje (Penguin Random House, 2023).
Entre outros recoñecementos, foi o gañador do concurso de monólogos científicos FameLab en 2013 e representou a España na final internacional no Cheltenham Science Festival (Reino Unido). En 2019 recibiu o Premio Especial do xurado á Divulgación Científica Ciencia en Acción.