AMTEGA potenciará o software libre nas empresas, na cidadanía e na administración
luns, 21 de xuño do 2021
Os
días pasados a AMTEGA compartiu finalmente o seu Plan de Acción en
Software Libre 2021, que recolle diferentes actuacións co obxectivo
de fomentar e promover o uso e reutilización deste tipo de programas
informáticos non privativos na administración pública, o impulso
dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas
empresas, e acrecentar o coñecemento que ten a sociedade deste tipo
de ferramentas xeralmente colaborativas. Novamente unha parte
esencial do programa desenvolverase en colaboración dos principais
axentes do ecosistema de software libre galego.
De
feito, asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de
Software Libre (AGASOL); coas Asociacións Galegas de Usuarios de
Software Libre (AGUSL); e co Consorcio para o desenvolvemento de
aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia
(CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o
acordo de colaboración co colexio profesional de Enxeñaría Técnica
Informática (CPETIG) inclúe tamén algunha actuación en prol do
fomento desta vertente informática non privativa.
“Os
acordos asinados”, sinalou AMTEGA, “permitirán a realización de
diferentes tipos de actividades que inclúen dende a tradución de
programas; a organización de xornadas, cursos, obradoiros; o fomento
do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade
social; a introdución á robótica educativa con software e hardware
libre ou a formación en software libre nas universidades”.
No
eido público, a axencia AMTEGA continuará promovendo o emprego de
tecnoloxías libres en proxectos relevantes para a administración
coa idea de “reforzar a súa posición como referencia e exemplo de
políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á
implantación de solucións abertas na súa infraestrutura
tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade”.
Así mesmo mantén o seu compromiso de liberación de dúas novas
solucións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación)
desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar
a súa reutilización por outras administracións.
Na
empresa
No
ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso
de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas
mellorar en eficacia e competitividade. Ademais da actividade que se
viña prestando a través do Centro Demostrador TIC, a posta en
marcha este ano do GaiásTech permitirá seguir achegando solucións
de software libre ás empresas, así como novas tecnoloxías
emerxentes, nas que o software libre xoga un papel moi importante.
Software
Libre para a cidadanía
Entre
as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, a AMTEGA destaca
“que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos
programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT
así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión
Dixital de Galicia”. Ao fío disto, a axencia proseguirá a súa
colaboración co CIXUG ao abeiro do Premio ao mellor traballo
universitario de fin de grado con Software Libre e que tamén conta
coa participación da Asociación GPUL.
Balance
do Plan de Software Libre 2020
Xunto
co plan 2021 publícase tamén o balance das actuacións de fomento
do software libre desenvolvidas pola AMTEGA e en colaboración cos
distintos axentes durante o ano 2020. Segundo fai saber a axencia,
“acadouse un nivel de cumprimento do plan establecido moi alto.”
Así
pois, a pesar da situación de pandemia, leváronse a cabo ata un
total de 41 actividades que supuxeron máis de 25.000 horas de
formación en software libre alcanzando ata un total de 19.500
persoas. A través do Centro Demostrador TIC, algo máis de 400
empresas participaron nas diferentes actividades desenvolvidas sobre
solucións de software libre. O portal Mancomún seguiu a ser o punto
de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de
500 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas
en formato vídeo, como a serie especial de ferramentas de software
libre para o teletraballo, ou os diferentes programas do podcast
de Mancomún, entre os que compre destacar unha serie especial de
entrevistas a mulleres que destacan no ámbito das TIC.