Carlo Frabetti defenderá este xoves en Santiago o papel dos medios dixitais alternativos

mércores, 26 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Estar informado non é só un dereito, senón tamén un deber”. Deste xeito, lanzando dardos cara ós medios pero tamén cara ós consumidores do que achegan eses medios (en boa medida manipuladores de datos en función dos intereses dos seus propietarios), tense expresado Carlos Frabetti, xornalista italiano que estará este xoves 27 en Santiago para pór –precisamente– a información a debate. A cita, prevista para as 20.00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, vai servir –segundo informa a organización do evento, o Club Internacional de Prensa– para coñecer a unha das figuras internacionais que máis ten avaliado polo miúdo o fenómeno comunicativo, o tradicional e o dixital.
Sinalar que foi este estudo pormenorizado o que lle valeu, entre outras cousas, para chegar á seguinte conclusión: o mundo, de xeito sistemático, ten que deixar de crer o que chega das grandes compañías do eido mediático.
Ó seu xuízo, é preciso recabar a información en medios alternativos, agora máis que nunca, o cal, sinala referíndose ós novos vieiros dixitais, “é cada vez máis doado e está ó alcance de máis persoas”. Para Fabretti, os principais medios de información alternativos son xornais dixitais como Rebelión, Insurgente, La Haine, Kaos na Rede ou Nodo 50. Con todo, engade, tampouco é complicado acceder a emisoras de radio e de televisión que dende fóra ou dentro do país de orixe, ofrecen unha visión do mundo distinta e máis veraz.
Sobre Carlo Frabetti
Carlo Frabetti é italiano (Bolonia, 1945), pero vive en España e escribe decote en castelán. Escritor e matemático, membro da Academia de Ciencias de Nova York, cultiva a divulgación científica (no diario Público aparece semanalmente a súa columna O xogo da ciencia) e a literatura infantil. Publicou máis de cincuenta libros, moitos deles para nenos e novos, entre os que destacan La magia más poderosa, Malditas matemáticas, El gran juego e a serie de El Mundo Flotante. Creador e guionista de La bola de cristal e outros programas de televisión, tamén se interesa de forma moi especial pola cultura da imaxe. É presidente da Asociación Contra la Tortura e membro fundador da Alianza de Intelectuais antiimperialistas. Os seus artigos políticos aparecen regularmente en distintos medios de comunicación tradicionais e dixitais. Entre os seus libros para adultos máis recentes cabe destacar Los jardines cifrados, El libro infierno, El cuarto purgatorio, La amistad desnuda, La bola de cristal, El árbol Paraíso e o ensaio Socialismo científico.
A súa novela Calvina obtivo en 2007 o Premio de Literatura Infantil El Barco de Vapor.

PUBLICIDADE