O IX HackForGood de Telefónica bota a andar con máis de medio cento de estudantes da UVigo

venres, 15 de marzo do 2024 Redacción

O director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Alonso, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, inauguraron hoxe oficialmente a IX edición do HackForGood de Telefónica, na que máis da metade de estudantes da universidade participarán até mañá sábado creando solucións tecnolóxicas baseadas nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU (ODS).
Ao longo de todo o día e agrupados en 11 equipos multidisciplinares, traballarán no desenvolvemento de solucións de innovación social que dean resposta aos diferentes desafíos propostos en relación coa Axenda 2030 sobre enerxía, medio ambiente ou biomedicina co obxectivo de contribuír a construír un entorno máis sostible, inclusivo e dixital. Para iso, tamén contarán coa mentorización de voluntarios Telefónica. Entre os participantes, destacan principalmente estudantes de Grao de Enxeñaría nas súas diferentes especialidades (Organización Industrial, Mecánica, Eléctrica, Electrónica Industrial e Automática e Biomédica), así como de Informática, aínda que tamén están presentes estudantes doutras carreiras como Dereito ou Económicas.
Concretamente, os equipos participantes son Neuro-Bridge, que está desenvolvendo un dispositivo médico neuronal para a recuperación da mobilidade en persoas con discapacidade; Local Hub, que propón un sistema de dixitalización loxística do pequeno comercio; IBRE, que traballa na implementación de lombas recuperadoras de enerxía; Byte Buster, que traballa na utilización de tecnoloxía RFID para mellorar a xestión da despensa nos fogares e reducir o desperdicio de produtos perecedoiros; Soil4Good, cuxa alternativa é unha ferramenta dirixida a asistir aos agricultores no control da calidade do solo, na cobertura de formularios regulamentarios, así como para levar a cabo un maior aproveitamento das zonas susceptibles de explotación agraria; Guidewelt, que se presenta cun dispositivo para axudar a persoas con baixa visión a moverse en entornos industriais; SafeBracelet, cunha pulseira antiagresións; Phykos, que propón unha solución para reducir a pegada de carbono a través da utilización de algas que limpan a atmosfera; EA Electronic Arts, que suxire unha solución para a factura do mercado eléctrico; Cosechando Bienestar Sostenible, que propón a creación de hortos sostibles e inclusivos, que favorezan a reinserción laboral, para persoas con escasos recursos e problemas de acceso aos alimentos; e Carballan Killers (CK), enfocado a reducir as emisións de CO2 a través da tecnoloxía.
As solucións máis innovadoras accederán a 7 premios locais cuxos gañadores se darán a coñecer mañá sábado ás 18:00. Tres xerais dotados cun total de 2.000 euros e 4 temáticos (Premio Innovación Enerxética e Ambiental, Premio Innovación Social, Premios Innovación e Responsabilidade Social Empresarial e Premio Transformación Dixital), dotados cada un con 500 euros.
O xurado valorará, ao igual que nas edicións anteriores, a formación de equipos multidisciplinares que inclúan todo tipo de perfís: deseñadores, informáticos, enxeñeiros, técnicos, sociólogos, emprendedores sociais, etc., ao igual que a creatividade e innovación das solucións propostas, o grao de remate acadado durante o hackathon e o seu impacto social.
HackForGood, conta con tres niveis de competición: local (gañadores en cada sede) nacional (gañadores nacionais) e unha última, que se celebra meses despois, na que compiten os tres equipos gañadores nacionais e o primeiro equipo gañador de cada sede ou cidade. A dotación dos premios de todas estas categorías ascende a 50.000 euros.
O encontro, organizado pola Rede de Cátedras Telefónica, Universidade Politécnica de Madrid e Fundación Hazloposible, celébrase simultaneamente en 24 universidades de toda España, e en Vigo, a través da Cátedra de Telefónica da Universidade de Vigo, dirixida polo catedrático José Cidrás.

PUBLICIDADE