En marcha unha nova edición do festival cinematográfico de Tui: o certame Play-Doc

xoves, 18 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana celébrase na nosa terra un dos seus máis senlleiros festivais do audiovisual: o Play-Doc, un certame do que xa temos falado nesta web, ben para dar conta das moitas ligazóns informativas que establece entre cinema e canles-ferramentas dixitais, ben para dar conta da súa vontade internacional de tomarlle o pulso á vangarda. O festival, que conta coa vila de Tui como centro de operacións, vai estar en activo até o domingo 21 de marzo. A previsión da organización é ir alén das cifras de espectadores acadadas en anteriores convocatorias: arredor de 30.000 persoas. Entre as novidades desta edición cómpre salientar as exposicións dos artistas galegos Manolo Paz e Antón Lamazares (achegadas para conmemorar a capacidade do Play-Doc para unir mundos e culturas) ou a presentación de filmes como Horizontes sen dono, un filme que segundo os seus autores (Nayra e Javier Sanz) nace da necesidade de preguntármonos cal é a importancia da pintura e da poesía no mundo contemporáneo, labor que no caso desta obra déixase en boa medida en mans de Antón Lamazares (de feito, o filme é un achegamento á ollada do artista galego cara ao mundo).
Asemade, presentaranse ao longo do festival obradoiros formativos como Retrato-Memoria (unión de artistas de Portugal e de Galiza e que conta co apoio de Agadic) ou achegas cinematográficas de alto calibre como as obras O meu bebé branco (Akosua Adoma Owusu), Patas para arriba (Miro Remo) ou Sweetgrass (Ilisa Barbash). Amais, está prevista a organización este venres dunha retrospectiva arredor de Jay Rosenblatt (na que se inclúe, precisamente, a estrea de Sweetgrass) e, xa o sábado, unha introdución á La Blogotheque, iniciativa cultural en liña fundada por Chrystophe Abric, que contará coa presenza do grupo pop The Spinto Band e dos creadores Boris Mitic e Marina Lutz.

PUBLICIDADE