Hazteoir.org organiza un congreso sobre o poder dos blogs e as redes sociais

venres, 13 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Hazteoir.org é unha páxina ben curiosa: ten feitura de web de organización progresista, mais se rañas un pouco na superficie atopas precisamente o contrario. Sen meternos en enleadas sobre a temática que alí se trata, cómpre dar conta dunha información xurdida ó abeiro desta entidade e que pode tocar de preto ós blogueiros e a todas as persoas que estean interesadas en afondar todo o posible na Web 2.0. Falamos da terceira edición do Congreso eCiudadanos.org que se vai celebrar o vindeiro 12 de maio na Aula Magna da Universidade CEU-San Pablo de Madrid e que xirará (este ano) arredor da blogosfera, as redes sociais e o poder mobilizador das mensaxes en cadea.
Segundo informa a dita organización, a xornada servirá tamén para presentar diversas iniciativas que se apoian no emprego das novas tecnoloxías como xeito inmellorable de acadar máis audiencia e como elemento esencial de encontro e debate para os grupos sociais. Cómpre sinalar que na primeira edición do Congreso tratáronse temas como a democracia electrónica e, na segunda, principalmente a particiación cidadá.

PUBLICIDADE