Proposta de encontro de lectores galegos arredor de Twitter
xoves, 26 de abril do 2007
Falamos hai días nesta mesma web do fenómeno Twitter, unha especie de volta de torca máis nas posibilidades da comunicación total que achega a Web 2.0 e que nos permite dicir a todo o mundo e de xeito inmediato que é o que estamos a facer en cada intre da nosa vida (sempre que teñamos algo que contar, claro), e todo iso a través do emprego do móbil e dun espazo propio en liña habilitado no Twitter. A ferramenta, fóra dos seus aspectos negativos (que os ten, como por exemplo o feito de que contribúa en certos casos a incrementar a dependencia tecnolóxica), semella achegar amplas posibilidades na divulgación de cuestión vinculadas á cultura e ó lecer. Asemade, pode ser proveitosa afianzando ligazóns entre colectivos ou grupos de internautas con semellantes arelas e/ou afeccións. Esa é a idea principal desta interesante proposta que atopamos no blog de Martin Pawley (vía Chuza!) e que vai dirixida a todos aqueles internautas que len literatura na nosa lingua.
Deste xeito, o Twitter, ademais de ser unha ligazón máis para os lectores (a unir ás que xa existen), tamén fomentaría o debate, a achega de opinións, a presentación de críticas e, en última instancia, contribuiría a dinamizar a mesma práctica da lectura na nosa terra.
A proposta xurdiu con motivo do Día do Libro e probablemente reciba nos vindeiros días un importante pulo por parte dos internautas galegos, sobre todo tendo en conta que xa está preto o Día das Letras Galegas.