Arredor de 70 estudantes de secundaria participaron na fase galega de CanSat

venres, 29 de abril do 2022 Anxo Sesto

Arredor de 70 estudantes de oito centros educativos de Galicia déronse cita durante a xornada de onte nas instalacións do centro de investigación aeroportada de Rozas (CIAR), para participar na fase galega do certame de proxectos espaciais CanSat, unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que os alumnos realizaron unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) apoia a fase rexional de CanSat no marco do seu programa de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, que ten por obxectivo impulsar novas vocacións nos sector aeroespacial, captar e reter talento, fundamentalmente entre as mozas. Este apoio contempla actividades como a Aula Newton Permanente de Tecnópole ou visitas guiadas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas; pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora co impulso tecnolóxico e dixital nos centros educativos a través de programas e dotacións específicas.
Os participantes deste certame comezaron dende primeira hora da mañá preparando o espazo de traballo do CanSat e os lanzamentos e presentación dos resultados obtidos a partir dos cales o xurado emitirá un veredicto.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada nunha lata de refrescos que ten por desafío introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real (alimentación eléctrica, sensores, sistemas de comunicacións, etc). Lánzase a unha altura dun quilómetro e deixase caer, sendo un éxito se logra unha aterraxe sen danos.
Xa pola tarde, o xurado avaliou os resultados e procedeuse á entrega dos cinco premios establecidos, entre os que destacan o de Mellor Proxecto CanSat (o que obteña a mellor puntuación global e que será o que pase á fase nacional) e o Mellor Logro Técnico (mellor puntuación neste apartado).

PUBLICIDADE