Galegram vaise facendo un oco firme entre os usuarios galegos de mensaxería instantánea

venres, 21 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

De Galegram xa falamos os días pasados (adiantando que se trata dunha interface en desenvolvemento de Telegram en galego), pero da man de Pablo Bejerano temos máis datos que achegar sobre esta interesante alternativa ao WhatsApp na nosa lingua. Para comezar, Galegram só emprega o galego. Ademais, aos tres días de estar dispoñíbel en Google Play, xa foi quen de obter case 4.000 descargas, o que non está nada mal para unha ferramenta nova que ten que facerse un oco entre un servizo maioritario (abrumadoramente maioritario) como WhatsApp. Ao seu favor, por outra banda, ten detalles a seguir de preto como “un nivel de privacidade maior có de Telegram, en cuxo código se basea”.
Tras deste desenvolvemento atópase un grupo de programadores que traballa no Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que lle deu forma a Galegram como se dun hobby se tratara. A orixe do seu compromiso hai que rastrexala en dúas cousas: por unha banda, a súa actitude crítica ante WhatsApp (esa falta de seguridade que permite que calquera ferramenta instalada dende Google Play poida acceder ás conversas do usuario) e, por outra banda, o seu compromiso coa nosa lingua nas ferramentas novas de comunicación. De aí a ir argallando a idea dunha aplicación que respondese ás súas esixencias, só houbo un paso.
Para comezar, querían un recurso onde a comunicación estivese “cifrada de punto a punto”. Con este fin usaron a API pública de Telegram, que como lembraremos é software libre e ten a vantaxe disto e a vantaxe-problema de que está na nube. Isto vén a conto porque por unha banda se libera ao noso dispositivo de ter que carretar coa información do servizo pero, en troques, esíxese un nivel de sincronización que polo de agora aínda non está moi afinado en Telegram e na súa base de datos. Porén, os desenvolvedores de Galegram confían en que estes atrancos vaian desaparecendo aos poucos. Como tamén confiamos, a maiores, que se vaian amañando igualmente certos problemas lingüísticos (provaches, móvil) que albiscamos na ferramenta e que estamos certos que irán atopando de xeito progresivo a súa forma correcta.
A día de hoxe, xa rexistraron 12.000 descargas do programa na súa versión para Android.

PUBLICIDADE